domingo, 15 de decembro de 2013

CADERNO DE BITÁCORA 11.12.13


CADERNO DE BITÁCORA

Sesión do 11 de decembro de 2013

A razón de ser da autoría destas liñas ten que ver coa casualidade por unha banda, xa que foi falando con Rebeca que nos demos conta de que quedara sen personalizar esa tarefa, coma coa causalidade, dada a miña condición de anfitrión da sesión e responsable de que as cousas materiais foran aparecendo.

Comezamos coa puntualidade propia de quen respecta o tempo alleo, tanto coma o propio. Ana Mariño, con ese nome e neste C.R.A. hai que pór apelidos ou especialidade, xa que é ben repetido, presentounos a Elvira coma amiga e, a máis, compañeira noutros tempos. De seguido notamos a complicidade común a quen teñen feito moitas cousas xuntas.
O tema, tan amplo coma atractivo, era coñecer técnicas diversas para a confección de historias, contos, libros. Elvira aclarou unha verdade: era posible que algunhas, moitas cousas se coñeceran xa, pero era bo repasalas, volver a escoitalas, falalas, imaxinalas.

O tempo transcorrido demostrou a súa subxectividade. Pasou rápido, soubo rico, pero quedamos con apetito. Así debe ser, no coñecemento e na alimentación. Debemos deixar espazo para a apetencia, non debemos saciarnos nunca.

Tivemos referencias de técnicas coma o kamishibai, teatro secular de Xapón, do que vimos un exemplo que temos na nosa biblioteca. Vimos monecos con imán para traballar co encerado magnético.

Ana e Elvira faláronos de aplicacións coa tablet ou de páxinas na rede interesantes: do Pinterest, que ten ideas para decorar con imaxes, de Guappis, de Smilebox, co que podes traballar con para facer álbumes, Tagxedo e Wordle, para facer textos en diferentes formatos, Sock puppets,  Toontastic, Soundcloud, para recursos de sons, Drawing Carl, para facer que os monecos movan a boca cando falamos, con sons agudos, graves, Kuentalibros, para recomendacións lectoras…

Tamén fixeron referencia a libros de poñentes do curso, coma de Fran Alonso: “Cidades”, “O meu gato é un poeta”, “O brillo dos elefantes”, “A vida secreta de María Mariño”, ou de María Lires: “Bechos pequerrechos”. Tomamos nota de libros para diversas técnicas: “Digigarabatos” e “Manos al arte”, de Catapulta Editores, “Palabras en imágenes”, con figuras de plastilina clasificadas por temas, da editorial Panini, “La granja”, tamén con figuras de plastilina e por temas, da editorial Todolibro. Outro libro que anotamos foi “Colección de emociones” da editorial Salvatella.

Ana falou da importancia de ter sempre a man unha cámara de fotos e unha gravadora, para utilizalas, de xeito cotián, nas nosas escolas.

Fixemos unha cadea, con folios de cores e con tres títulos de libros que cadaquén escolleu, e que forma parte agora da decoración da miña escola, que conmemora o solsticio de inverno.

Fixemos unha historia ilustrada con adhesivos, que collemos dunhas coleccións que estaban divididas por temas, e que pegamos nun folio. Logo gravamos a que improvisamos Guillermo e máis eu.

Comentamos que en Twitter hai a posibilidade de relacionarse co tema de “Arredor dos libros”.

Ana recomendou que a biblioteca tivera unha sección con importancia:a dos libros feitos polo alumnado.

Cando rematou a sesión, a noite era pecha. O corpo, o meu, xa notaba o paso da xornada. Despedímonos de Elvira, que non virá máis ao curso, e de Ana, que xa forma parte da área de influencia do C.R.A.. Coma sempre, quedamos un grupiño a falar.

Cando marchaba, canso, pensaba no tempo que lle dedicamos a isto, ao curso, a estudar, a planificar, pensar, avaliar…a esta profesión incomprendida e imprescindible. Moitas veces a realidade, contaminada de burocracia e formalismos, atenta contra a ilusión. Non sempre van ben as cousas. Outras veces sentes que traballar onde nós o facemos, sen explotar a ninguén, gozando coas cousas das nenas e dos nenos, é un privilexio que a vida nos agasallou.

Esas veces penso que recortan de todo, pero a ilusión, a esperanza non son quen de recortala, porque xa non saben o que iso é.

E fun descansar porque nunhas horas volvería á escola.

Moncho












1 comentario:

  1. Estupenda crónica, Moncho
    Penso que non falta nadiña
    Grazas, pola parte que me toca
    É un pracer traballar con vós :)

    ResponderEliminar